Publicado en La Voz de Galicia
? equipo científico continuaba inspeccionando onte pola tarde os viñedos da Gándara Chá e aínda non tivo tempo de facer unha análise detallada dos artefactos encontrados na zona. A maioría das pezas deste novo conxunto -talladas en cuarcita e cuarzo- son do tipo coñecido como lasca e non presentan características especiais que permitan adscribilas con seguridade a un determinado período da prehistoria. «Non é fácil datar os obxectos deste tipo, porque a súa morfoloxía pode corresponder a épocas moi diferentes», comenta Xosé Pedro Rodríguez. A primeira vista, engade, poderían pertencer talvez ao Paleolítico Medio ou ao Paleolítico Inferior. Non obstante, os investigadores cren que algúns destes materiais presentan similitudes cos que foron achados na zona no 2003.
Entre as ferramentas localizadas na prospección de onte, hai dúas que destacan pola súa posible antigüidade. Trátase de dúas pezas do tipo coñecido como seixo tallado, que ofrecen un aspecto singularmente arcaico. Este tipo de industria é característico do Paleolítico Inferior máis antigo, pero os investigadores puntualizan que este tipo primitivo de ferramenta seguiu fabricándose durante moito tempo e coexistiu con outras industrias máis evolucionadas que foron aparecendo máis tarde, polo que cabe a posibilidade de que as pezas achadas en Quiroga non sexan en realidade tan antigas como parece.
Nas prospeccións realizadas na primavera do 2006 xa apareceran na zona de Monforte algúns útiles que presentan tamén esta tipoloxía arcaica. Os artefactos localizados na Ermida son os primeiros desta clase que encontran os arqueólogos desde que comezou a campaña deste ano.
Noticia completa en La Voz de Galicia
No hay comentarios:
Publicar un comentario